En execución a limpeza de varios ríos en Laxe

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar os traballos de conservación e limpeza no treito interurbano dos ríos Gundar, San Amedio, Soesto, Traba e Vao, ao seu paso polo concello de Laxe. 

Estas tarefas estanse a desenvolver en distintos treitos destes ríos, ao longo de máis de 18 quilómetros de lonxitude, que coinciden co seu percorrido por varios lugares das parroquias de Sarces, Nande, Soesto, Traba e Serantes.

As principais tarefas consisten na retirada de árbores e pólas caídas ou rotas á canle, así como de madeira morta e, puntualmente, roza selectiva no ancho da canle.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Xunta mantén así activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.