En marcha a apertura da canle de desaugamento da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño

1 minutes read

Tralas choivas acaídas na última semana, a lagoa alcanzou o nivel crítico de auga a partir do que se poderían producir inundacións que causarían danos tanto nos ecosistemas como na seguridade pública. Coa fin de evitar estes prexuízos a Dirección Xeral de Patrimonio Natural habilita a apertura desta canle artificial temporal que permita desaugar a lagoa.

A lagoa da Frouxeira foi sometida no século anterior a diferentes cambios, xerados na maioría dos casos por presións antrópicas, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral-lagoa.

Actualmente, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a lagoa e o mar permanece pechada e, cando se produce unha suba do nivel de auga, prodúcense inundacións na zona viaria e nas vivendas, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral e o baleirado da lagoa que é o que se pretende evitar con esta apertura controlada.

Esta actuación lévase a cabo seguindo o protocolo establecido no decreto 30/2015 polo que se aproba o Plan de conservación da Lagoa e Areal de Valdoviño, que converteu a este enclave no primeiro humidal protexido de Galicia que conta con esta figura de protección.A lagoa de Valdoviño, un dos humidais protexidos de Galicia, está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. É un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia, como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas.