En marcha a campaña de poda de árbores en espazos públicos da Laracha

1 minutes read

O Concello da Laracha ten en marcha a campaña anual de poda de árbores que afectará aos espazos públicos do termo municipal que requiran deste tipo de intervencións. Os traballos son executados por Viveiros Amado, a empresa larachesa responsable do mantemento e conservación das zonas verdes ao estar contemplados nese contrato de servizos.

O primeiro punto de intervención está a ser o campo da feira de Paiosaco, onde serán podadas a totalidade das árbores integradas nese ámbito que, ademais de contribuír á sustentabilidade e á calidade ambiental da vila, embelecen o que é un dos espazos máis recoñecibles do termo municipal da Laracha como é o recinto feiral. A ese lugar acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito, para interesarse polo desenvolvendo das primeiras actuacións.

Os labores de poda continuarán noutros puntos do municipio. No núcleo urbano da Laracha levaranse a cabo na Avenida Fisterra á altura das Torres de Cillobre, na Praza do Concello e nos parques Maximino Canedo e O Recreo. En Caión a intervención principal será rebaixar os setos do Sendeiro de Saldoiro. A campaña tamén chegará ás parroquias rurais como Montemaior (praza do Igrexario), Soandres (entorno do mosteiro), Golmar (entorno do Museo dos Muíños), Vilaño (praza da Areosa), Cabovilaño (O Regado), Lendo (O Cruceiro) e Lemaio (praza no Igrexario).

Esta campaña de poda que cada ano desenvolve o Concello da Laracha ten por tripla finalidade a conservación das árbores, mellorar a estética nos espazos públicos e previr que se produzan danos por posibles caídas de materia vexetal.