A iniciativa foi presentada este xoves no Concello e contou coa presenza do Alcalde, Evencio Ferrero; do Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; da Técnica de Promoción Económica do Concello, Paula Lema; e da Técnica de Turismo, Patricia Mañana.
O programa «Agasalla Carballo» xira arredor de tres eixos principais: a campaña no comercio local para incentivar as compras que conta de novo cun apoio masivo con 100 marcas participantes (102 comercios); alternativas para o tempo de lecer de nenos e adultos tanto na rúa como no Mercado Municipal; e este ano, tamén con novos elementos decorativos para axudar a vestir a vila de Nadal.
Nesta ocasión as 100 tendas participantes reparten tarxetas entre as e os compradores. Por cada 20 € de compra, veciñanza e visitantes recibirán un selo nesa tarxeta para poder acceder aos diferentes premios. Ao xuntar cinco selos de cinco comercios distintos, éntrase no sorteo de 4 paquetes para 3 persoas cada un de aloxamento e entradas á Warner ou a Port Aventura, entre outros agasallos.
Os premios poderán recollerse no Museo de Bergantiños até o 9 de xaneiro de 2020. No caso dos premios directos, con ensinar a tarxeta cos cuños as afortunadas e afortunados xa o levan no momento. No caso dos sorteos, hai que presentar a tarxeta, tamén no Museo, e cubrir un boleto cos datos persoais e depositalo nunha urna. O sorteo terá lugar o sábado 11 de xaneiro de 2020 ás 12.00 horas. As bases e toda a información sobre os premios estarán dispoñibles durante toda a campaña en www.turismocarballo.org e en www.carballo.gal.
Actividades de lecer
Outro dos obxectivos da campaña de Nadal é ofrecer alternativas de lecer para nenas e nenos e tamén para adultos, para axudar a realizar as compras de Nadal ou para que tamén resulten máis divertidas. Este ano, as actividades terán lugar en dous espazos diferentes: na Praza do Concello e no Mercado Municipal.
Na Praza do Concello (no Mercado en caso de condicións meteorolóxicas adversas) será a terceira edición de Somos rúa, facemos arte, un programa de achegamento á creación artística no que se “fai arte” no espazo público. Arte contemporánea, música e danza en tres días intensos entre o venres 27 e o domingo 29 de decembro, nos que haberá tamén citas para nenas e nenos, que poderán participar na realización de esculturas colaborativas.
No primeiro andar do Mercado haberá Xogos e obradoiros infantís do xoves 2 ao domingo 5 de xaneiro. O acceso é libre e gratuíto de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, agás o domingo 5 de xaneiro en que será unicamente pola mañá. Piscina de bolas, rocódromo inchable, criquet de animais, obradoiros de pinzas ou de espumas… son só algunhas das citas para as máis cativas e cativos que atoparedes no Mercado de Carballo.