En marcha a execución do viveiro de empresas da Laracha



O novo edificio está a ser construído na marxe esquerda do acceso principal ao parque empresarial, nunha parcela de titularidade municipal. A súa superficie construída ascenderá a 613,55 metros cadrados, nos que serán habilitados catro despachos e catro naves, ademais de servizos xerais como un vestíbulo recepción, aseos, vestiarios, sala de reunións, aula polivalente e dous patios interiores abertos. O inmoble estará estruturado en dúas zonas e cada unha delas poderá empregarse de xeito independente.

O proxecto é cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Con esta nova infraestrutura o Concello da Laracha pretende dar aos emprendedores o impulso definitivo para que se decidan a levar a cabo os seus proxectos.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Jesús Souto e Rocío López reuníronse co responsable da empresa construtora no lugar no que se están a acometer os traballos e puideron comprobar que a fase de cimentación está moi avanzada.