En marcha a Feira Abanca Semana Verde de Galicia

Desenvolvida nun recinto de máis de 400.000 mdesuperficie, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia é o principal punto de referencia expositiva do noroeste peninsular, cun deseño versátil que permite que, ademais das feiras profesionais, coincidan na cita unha morea de actividades de ocio, deportivas a gastronómicas, con certames ecuestres e caninos, concursos gandeiros, competicións deportivas e un amplo abano de ofertas para desfrute dos asistentes. A súa evolución nos últimos anos foi moi positiva e practicamente duplicou o número de expositores, metros cadrados e visitantes.

A feira, que se estenderá ata o domingo 5 de xuño, aspira a bater o récord de asistencia acadado na edición do ano 2019, cando reuniu a 128.066 visitantes. De feito, recobrouse o 95% dos expositores, o que confirma a recuperación dun evento que non se puido celebrar no 2020 por mor da pandemia pero que xa o ano pasado acadou os 57.000 visitantes. As expectativas creadas veñen avaladas pola presencia de preto de 700 expositores de nove países e a programación de máis de 200 actividades.

Xunto cos stands tradicionais en torno ao sector primario de Galicia e a toda a cadea de valor da súa agricultura e gandería, a Semana Verde inclúe feiras xa consolidadas como o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia), a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap Abanca). Estas ofertas complementarias están a acadar tamén unha gran proxección, xa que tanto en Salimat Abanca como en Turexpo Galicia estase a superar nun 9% o número de expositores da edición do 2019, con cifras récord tanto en superficie ocupada como en stands.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, presidiu este xoves a inauguración da 44º edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha