En marcha a Feira do Libro de Santiago

1 minutes read

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou este sábado na inauguración da 39ª Feira do Libro de Santiago de Compostela, na que subliñou o traballo da Federación de Librarías de Galicia para lograr que esta cita feiral co Libro sexa a primeira que se celebra en España despois do período de confinamento pola covid-19.

A cita, que se desenvolverá no paseo da Alameda, estará aberta até o vindeiro mércores, contará con 35 sinaturas de libros a cargo de autores como María Xosé Queizán, Manuel Rivas, Marilar Aleixandre ou Alfredo Conde, entre outros, e incluirá unha novidosa proposta de dinamización acústica que harmoniza a experiencia de lecer e a seguridade. Trátase de intercalar entre a música fragmentos gravados de persoas ofrecendo textos dramatizados, recitais ou, sinxelamente, falando da importancia dos libros e da lectura.

“Traballouse moi duro −explicou o titular de Cultura− para reorganizar datas, adaptarse á nova realidade e reprogramar unhas citas co Libro que estean á altura do sector editorial galego e, ao tempo, sexan seguras para todos”, que fixo fincapé na oportunidade de devolverlle ao sector do Libro “a súa xenerosidade durante o confinamento, mercando e lendo libros”.