En marcha as obras de humanización de catro rúas en A Laracha

1 minutes read

As actuacións iniciáronse coa intervención prevista nun tramo da Avenida de Fisterra, á altura do cruce coa rúa da Coruña, onde está a ser ampliada a beirarrúa. O Concello quere agradecer as facilidades ofrecidas polos propietarios dos terreos afectados para poder ampliar este espazo peonil, actuación que tamén implicou a modificación do acceso a unha vivenda.

A continuación realizaranse as outras intervencións proxectadas e que se localizarán nas rúas Médico David Mallo Gómez, Enrique Muiño e Uruguai.

A rúa Médico David Mallo Gómez nace fronte ao centro de saúde da Laracha e comunica as rúas Santa Lucía e Arxentina. As rúas Enrique Muiño e Uruguai son perpendiculares á rúa Médico David Mallo Gómez. A intervención proxectada consiste na ampliación das beirarrúas para priorizar o tránsito peonil en condicións de seguridade e accesibilidade universal, o establecemento do sentido único de circulación dos vehículos, a renovación do pavimento da calzada -incluíndo os espazos de aparcamento gratuíto- e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Ademais, serán melloradas as redes de saneamento e de recollida de pluviais e realizarase a canalización soterrada para o servizo de iluminación pública.

Este proxecto está valorado en 122.000 euros e dá continuidade e outras actuacións promovidas polo Concello da Laracha co obxectivo de humanizar os núcleos urbanos, facelos máis accesibles para os peóns, dotalos con mellores servizos, renovar o pavimento e reordenar o tráfico reforzando a seguridade viaria e a comodidade dos condutores.