En marcha a IV edición do certame literario ‘Dillo ben bonito. O amor prémiase en Laxe’

1 minutes read

A Concellaría de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura do Concello de Laxe volve a organizar, un ano máis, a iniciativa ‘Dillo ben bonito. O amor prémiase en Laxe’ co obxectivo de promover a creación literaria a través de dedicatorias de amor tanto en verso como en prosa. Neste caso celebrarase a IV edición dun concurso que se iniciou no 2020 e que cada ano conta con máis e mellor acollida entre a veciñanza e demais público participante. Poderán participar no certame todas as persoas de 18 anos ou máis con independencia de se residen ou non na no municipio laxense. Só se aceptará unha única obra por concursante que deberá tratar sobre o amor en parella, ben sexa real ou platónico.

O prazo para participar comezou este mércores 18, ás 15:00 horas, e rematará o 8 de febreiro ás 23:59 horas. Os traballos poderán entregarse a través de tres modalidades: telemática (na sede electrónica municipal), por correo postal ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres.

En total repartiranse 8 premios que consistirán nunha noite de aloxamento e almorzo para dúas persoas nos seguintes establecementos da localidade:

  • Cabanas na área
  • Hotel ‘O náutico de Laxe’
  • Hotel rústico da Torre
  • Casa rural de Arrueiro
  • Hotel Praia de Laxe
  • Hotel Mar de Laxe
  • Apartamento turístico ‘Os Batáns’
  • Hospedaxe residencia Bahía