En marcha a nova fase de mellora da contorna do CEIP Otero Pedrayo da Laracha

Cedida.

O Plan especial de ampliación dos equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo impulsado polo Concello implicou a adquisición dunha superficie de 13.761 metros cadrados de terreos nas inmediacións dese centro de ensino para mellorar os accesos e incrementar os espazos dotacionais vinculados ao colexio.

Recentemente o Concello xa puxera a disposición da Consellería de Educación os terreos necesarios para habilitar un novo acceso principal para os autobuses do transporte escolar pola rúa José Añón, incluíndo a construción do novo peche perimetral e a creación de espazos de aparcamento.

Agora o Concello está a realizar a segunda fase do acondicionamento do terreo adquirido, afectando nesta ocasión os traballos aos espazos contiguos á rúa José Añón ata o cruce coa estrada comarcal AC-552. As actuacións consisten na tala das árbores, o desbroce da maleza e a limpeza integral dos terreos sobre os que, nun futuro, está previsto ampliar a plataforma da calzada.

O Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo logrará, por tanto, o dobre obxectivo de facilitar as comunicacións e aumentar a seguridade viaria no acceso ao colexio pola rúa José Añón e incrementar nuns 12.000 metros cadrados os seus espazos dotacionais para poder albergar novos equipamentos deportivos ou educativos no interior do recinto do centro de ensino. Esta circunstancia é especialmente importante pola diminución das zonas exteriores libres de edificacións que implicaron nos últimos anos a construción do novo módulo de educación infantil e do pavillón polideportivo cuberto.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha