O Consello da Xunta aprobou este xoves o inicio da tramitación do Anteproxecto da que será a primeira Lei de museos e outros centros museísticos de Galicia. Trátase dunha “norma novidosa no ámbito autonómico e pioneira en ámbitos como o emprego das TIC’s, o respecto pola pluralidade, o acceso á cultura ou a integración da perspectiva de xénero”, segundo explicou Feijóo.
Entre os aspectos máis relevantes desta nova normativa, destacan unha mellor definición da realidade museística, coa creación dunha nova categoría específica que son os centros de interpretación do patrimonio cultural; unha mellor xestión, co impulso do Consello de centros museísticos de Galicia e a creación do Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, que substituirá e perfeccionará o actual Censo de museos de Galicia; o fomento da actividade científica e investigadora e unha maior coordinación e complementariedade entre os museos facilitando a creación de redes de centros museísticos, que pretenden mellorar a cooperación e aproveitamento dos medios dos que dispoñen os distintos centros.
Neste senso, Feijóo remarcou que formar parte deste sistema leva asociados beneficios como “a participación en liñas concretas de axudas, a prioridade no acceso a determinadas accións colaborativas, a recepción de depósitos ou a participación en accións de promoción cultural e turística.”