Xa está en marcha a segunda fase de renovación da instalación eléctrica do Castelo de Vimianzo, cuxo proxecto está adxudicado por un orzamento de 72.354,24 euros, aportados integramente pola Deputación da Coruña.
O proxecto permitirá realizar accións de mellora no sistema de datos, son (megaofonía/ambiente nas estancias interiores e son para eventos no patio interior), intrusión e protección contra raios e incendios. Previamente, realizáronse unha serie de actuacións mínimas que permitían mellorar a mesma sen desplegar novas canalizacións. Estes traballos complementaranse cos anteriores buscando a homoxeneidade da instalación completa.
Por ser o inmoble un Ben de Interese Cultural (BIC), e buscando unha actualización e adaptación dos servizos existentes aos requerimentos e esixencias da normativa vixente sen acometer obra civil, engadíndose as novidades tratando de actuar minimamente sobre a estrutura e unidades murarias do Castelo, realizando a maior parte das instalacións en superficie ou ocultando as mesmas a través do mobiliario. Tamén se minimizarán os riscos buscando garantir a mínima afección ao inmoble en caso de incendio ou tormenta.
Mellorarase a calidade lumínica no interior, debido a que traballan artesáns e artesás desenvolvendo os seus produtos de xeito manual e se require un alto nivel de detalle; tamén é imprescindible dispoñer de acceso a Internet para mellorar os servizos dispoñibles para artesáns e artesás e para posibilitar a instalación futura de elementos interactivos nas zonas de exposición; a xestión de actividades do Castelo van desde a celebración de cerimonias, concertos, desfiles… e como non, o Asalto ao Castelo, e como escenario de múltiples e variadas citas débese contar cunha instalación permanente.
As infraestruturas de canalizacións actuais presentes no Castelo non permiten o despregamento de todos estes novos elementos, polo que se propoñen actuacións para ampliar as mesmas, respectando a estrutura formal e tipolóxica do castelo e realizando a maior parte de intervencións en superficie.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala a importancia desta segunda fase, que non só “complementará a primeira, tamén permitirá sentar as bases para futuras actuacións que suporán un antes e un despois no Castelo, o centro neurálxico da actividade municipal e provincial e elemento dinamizador da nosa cultura”, á vez que agradece “novamente a implicación da Deputación da Coruña á hora de preservar e mellorar unha instalación senlleira”.
“Entendemos que os investimentos hai que realizalos acorde ás necesidades do noso patrimonio baseándose na protección, na renovación das instalacións existentes e na mellora dun dos nosos emblemas”, engadiu Rodríguez.