En marcha a segunda fase do plan anual de mantemento de vías na zona urbana e rural de Carballo

A empresa Vázquez y Reino está a executar as obras incluídas no contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías municipais, que ten adxudicado desde o 2023 por un período máximo de catro anos e un orzamento total de 1,4 millóns de euros.

O contrato divídese en dous lotes: un correspondente ás vías urbanas e outro, ás rurais. Tal como recolle o prego de prescricións técnicas, a empresa encargarase de realizar as melloras necesarias de conservación, mantemento, reparación da base e do firme das rede viaria, así coma da drenaxe das vías. Deste xeito, entre os traballos que debe levar a cabo, sempre seguindo as indicacións dos técnicos municipais, figuran a limpeza e apertura de gabias, reparación de fochancas, renovación da capa de rodaxe, fresado, reforzos de firme, pavimentacións ou reparacións de beirarrúas, entre outros.

Na primeira fase, a principios de ano, os labores centráronse nas contornas das avenidas de Malpica e Ponte da Pedra. Nesta segunda fase, que se desenvolverá ao longo desta semana e da que vén, os equipos están a traballar entre as zonas do Chorís, San Martiño e A Milagrosa, e posteriormente desprazaranse á zona rural.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño