En marcha a última fase da mellora da estrada entre Bos Aires e O Pereiro, na Laracha

Concello da Laracha

  • O Concello inviste 243.000 euros nesta intervención dirixida a mellorar as comunicacións cara o CEIP Otero Pedrayo e reforzar a seguridade viaria

Os traballos de pavimentación da estrada que comunica Bos Aires co Pereiro, no municipio da Laracha, entran na súa última fase de execución. Despois destas obras, a empresa Construcciones López Cao procederá ao acondicionamento dos arcéns e á correspondente sinalización horizontal e vertical.

Grazas a esta intervención, a plataforma da calzada amplíase en seis metros máis ata alcanzar os 10,60 metros. Nese espazo -que nestes momentos está a ser pavimentado- habilitaranse carrís para cada sentido de circulación, senda peonil diferenciada e separada do ámbito para os vehículos, espazo de aparcamento nunha das marxes e arcén. En total a superficie afectada é de 8.140 metros cadrados.

Durante as semanas previas, nas fases iniciais da execución do proxecto leváranse a cabo o movemento de terra, a explanación do terreo, as canalizacións soterradas dos diferentes servizos e a renovación das tubaxes das redes de abastecemento e recollida de pluviais.

Esta intervención está incluída no Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo, xa que facilitará os accesos ao colexio tanto para os autobuses do transporte escolar como para os vehículos particulares e as persoas que acoden ao centro a pé, mellorándose ao mesmo tempo as comunicacións desde esa zona cara outros puntos próximos da parroquia de Vilaño como son o castro de Montes Claros ou a praza da Areosa, na que se sitúan a igrexa de Santiago e o centro sociocultural. O orzamento alcanza os 243.000 euros e finánciase integramente con fondos propios municipais.