En marcha a XXXVIII Edición da Mostra de Olería de Buño, o centro oleiro de referencia

3 minutes read

O acto, que se celebrou rodeado dunha exposición cos  deseños de todos os oleiros de Buño, iniciouno o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo e de Olería, Alfredo Cañizo que indicou que “a Mostra está feita con todo o cariño do mundo por parte de todos”.

O presidente dos oleiros, Fran Gorín, moi emocionado, dou as grazas por facer desta festa unha tradición que xa vai pola 38º edición e apuntou que oxalá dure 38 anos máis. Tamén  agradeceu ós compañeiros oleiros que “estiveron traballando cóbado con cóbado es iso para min é moi gratificante”, concluíu.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o deputado de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, acompañaron ao alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e ao primeiro tenente de alcalde e concelleiro da Mostra, Alfredo Cañizo, así como ás diferentes autoridades de varios concellos da contorna, na inauguración da 38 edición da Mostra de Olería de Buño, que se celebrará nesta localidade de Malpica de Bergantiños ata o domingo 7 de agosto. Todas e todos destacaron o valor de Buño como centro oleiro de tradición, parte do atractivo turístico e dinamizador da económica no rural.

Momento da inauguración da Mostra de Olería de Buño na carpa-exposición ubicada no Parque Luciano Alén.

Heredia destacou o valor da Mostra como unha das feiras monográficas con maior traxectoria das que se celebran en Galicia e a importancia de Buño como centro de olería tradicional que continúa en activo e se está a introducir en mercados de todo o mundo e en novos ámbitos coma o da gastronomía. Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, indicou que grazas a esta mostra e as numerosas actividades que teñen lugar durante os días da súa celebración, os participantes poden descubrir unha das manifestacións artesás máis arraigadas en Galicia, a da olería.

Blas García, afirmou que a Deputación da Coruña mantén o seu compromiso coa artesanía tradicional como parte do patrimonio cultural da provincia, pero tamén como un importante dinamizador económico. Lembrou que a institución provincial mantén unha firme aposta pola promoción de Buño e destacou que ese apoio traduciuse nunha achega de 80.000 euros que contribúen a organización desta mostra de referencia para Galicia. Tamén, na adquisición e recuperación do conxunto etnográfico Ecomuseo Forno do Forte, ou na rehabilitación do Forno da Costa, que pasou a formar parte do patrimonio recuperado e visitable da olería.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, pechou ás intervencións destacando “Manter con vida o legado e o mellor agasallo que podemos facer a tantas e tantas xeracións que coas súas mans moldearon un xeito de ser e de afrontar a vida. Un xeito definido pola súa solidariedade e o seu afán por ser fortes dende un colectivo. Seguramente moitos de aquí saben que cando unha peza tras unha cocedura non saía ben o seu entorno non tiña máis remedio que aguantarse, máis nunca faltaba outro artesán ó seu carón  que lle dicía que aquí estaba para todo o que necesitase. Ese é o colectivo oleiro”. 

O evento tamén asistiu a corporación municipal do Concello de Malpica , Sandra Ínsua,  Alcaldesa de Camariñas, Encarna Liñeiro a concelleira da Mostra do Encaixe de Camariñas, Xosé Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso, José Manuel López Varela, alcalde de A Laracha, María José Pose, concelleira de Vimianzo, Suso Villar, Presidente de Afaber, Arturo Ouro Hortas, presidente de los Ourives de Compostela, e Lisardo Nuñez Pardo, abogado.

Autoridades da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña acompañaron ao alcalde Malpica na visita ás Casetas da Mostra.

Programa completo:

Na programación do evento, organizado polo Concello de Malpica de Bergantiños, a asociación Olería de Buño e a Deputación da Coruña, inclúense demostracións de olería, obradoiros para nenos, actuacións musicais e obradoiros de baile, fútbol, teatro e mais as presentacións dos libros Cancioneiro de Buño e Buño de seu.