Iniciáronse as actividades de verán do Concello de Camariñas: os Obradoiros de Conciliación e as Actividades Náuticas. Seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias aplicarase un completo protocolo de seguridade para evitar contaxios por Coronavirus.
Houbo moi boa aceptación por parte da veciñanza xa que no Obradoiro de Conciliación cubríronse practicamente todas as prazas (só quedan 3 libres) e nas Actividades Náuticas o 75% das ofertadas. Hai programadas catro quendas: do 6 ao 20 de xullo (o 16 non hai clase), do 21 de xullo ao 3 de agosto, do 4 ao 17 de agosto e do 18 ao 31 de agosto.
As actividades desenvolveranse de luns a venres, de 10 a 13:30 horas, integramente na parroquia de Camariñas, nas diferentes instalacións coas que conta o Concello: as aulas do CEIP O AREAL, o Pavillón Polideportivo Municipal “Víctor Vigo”, o Club Náutico de Camariñas (actividades náuticas)…
A alcaldesa, Sandra Insua, destacou que “é importante poder desenvolver as actividades de verán dun xeito seguro xa que permiten que os pais e nais poidan contar nesta época cunha opción de conciliación da vida familiar e laboral”.
Protocolo
O protocolo inclúe especificacións para a entrada e saída nas actividades, a adaptación das actividades, as medidas de control e prevención da transmisión, as medidas persoais de hixiene, os desprazamentos á actividade e unha serie de recomendacións para os asistentes. Estas normas son de obrigado cumprimento por parte dos organizadores e das persoas participantes e familias.