En marcha os labores de roza das estradas municipais da Laracha

  • Este mércores tamén iniciaron o seu contrato sete socorristas, quen velarán pola seguridade dos bañistas na praia de Caión ata o 15 de setembro

Este mércores comezaron a executarse os primeiros traballos da campaña municipal de roza e limpeza de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal na Laracha. O obxectivo desta intervención é eliminar a vexetación herbácea nas marxes das vías para mellorar a visibilidade dos viandantes e condutores e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede de estradas municipais.

Coa finalidade de axilizar estes labores, o Concello repetiu a fórmula dos anos precedentes dividindo o contrato en cinco lotes e limitando a unha única adxudicación por empresa. Deste xeito favorecerase que as intervencións poidan realizarse de maneira simultánea en varios puntos do termo municipal.

Os primeiros traballos estanse a levar a cabo na parroquia de Vilaño, nos núcleos máis próximos ao santuario de San Adrián como son Marfulo, Gravido, A Fraga, Padrón e A Piña. A previsión é que este xoves comecen os mesmos labores na parroquia de Lestón, a continuación nas de Coiro e Soandres, a partir da semana que vén en Caión e Lendo e, posteriormente nas parroquias restantes (Torás, Golmar, Montemaior, Soutullo, Erboedo, Cabovilaño e Lemaio).

Este ano o goberno local destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para realizar tarefas de roza en máis de 300 quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.

Equipo de socorrismo en Caión

Este mércores tamén deu comezo o servizo de salvamento e socorrismo da praia de Caión. Un servizo que estará activo ata o 15 de setembro, de xeito ininterrompido, en horario 12:00 a 20:00 horas.

Durante os próximos tres meses serán un total de sete socorristas máis o coordinador xeral o persoal que se encargará desas funcións para aumentar a seguridade dos bañistas, informar sobre calquera cuestión que afecte á praia e controlar o uso axeitado do areal de acordo ás normativas vixentes e aos condicionantes establecidos pola Bandeira Azul. Además, por primeira vez neste ano o servizo incorpora unha moto acuática apta para realizar traballos de salvamento

Neste servizo de salvamento e socorrismo na praia de Caión o Concello inviste 68.000 euros.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha