En marcha as obras de acondicionamento da antiga escola de Aldemunde

1 minutes read
  • As actuacións, que inclúen a renovación do tellado e das ventás, contan cun orzamento de 25.864,15 euros

O Concello de Carballo está a acondicionar o edificio da antiga escola para que poida ser utilizado como local social, tal e como se acordara no Consello Parroquial. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, achegáronse ata Aldemunde coincidindo co inicio das obras, que teñen un orzamento de 25.864,15 euros e que inclúen a renovación do tellado e das ventás, ademais do pintado do edificio, no que xa se construíu unha rampla de acceso dentro do proxecto de acondicionamento da praza.

Coa mellora da antiga escola complétase a reforma integral do campo da festa, que fora unha das prioridades establecidas polo Consello Parroquial de Aldemunde. A actuación, que supuxo un investimento próximo aos 100.000 euros, incluíu a demolición dos muros exteriores e do vello palco da música e o acondicionamento do terreo para diminuír a pendente e poder incrementar as posibilidades de aproveitamento da praza.

O Concello quere que a rede de centros sociais chegue a todas as parroquias. A única que carece dun equipamento deste tipo nestes momentos é a de Goiáns, aínda que xa está aprobada de maneira definitiva a modificación urbanística do ámbito no que será construído.