En marcha as obras de mellora da travesía na Laracha


As obras dirixidas a mellorar a seguridade viaria na Avenida Fisterra da Laracha avanzan a bo ritmo. Nesta semana os traballos estanse desenvolvendo simultaneamente en dous puntos de actuación. Un deles é nas inmediacións da Praza do Concello, onde se está a completar a pavimentación dos espazos reservados para o aparcamento gratuíto de vehículos para, posteriormente, proceder ao remarcado da zona azul.

Paralelamente realízase a intervención coa que se creará un novo paso de peóns á altura da rúa Canta La Rana e que implica a adaptación de beirarrúas nese tramo próximo ao extremo da Avenida Fisterra na saída cara Carballo. Trátase dunha área residencial e comercial na que existen paradas de autobuses con marquesiñas e onde hai unha distancia considerable ata o seguinte paso de cebra en calquera das dúas direccións, sendo precisamente ese o motivo que levou ao Concello da Laracha a promover este proxecto.