En marcha as obras de mellora no complexo deportivo municipal da Laracha

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito, acudiron ata o complexo deportivo_Cedida.

O Concello da Laracha comezou a executar as obras de mellora das instalacións do complexo deportivo municipal, que contempla dúas intervencións diferenciadas no pavillón e nas pistas de pádel.

As actuacións principiaron nas pistas de pádel, onde as obras proxectadas teñen unha triple finalidade. Por unha parte está a renovación do firme, contemplando tanto a reparación da soleira coa aplicación dun morteiro de resinas como a substitución do céspede artificial. Ademais, será ampliada a fachada de chapa que pecha as pistas pola súa parte superior, de maneira que se impidirá o paso da choiva e do vento ao interior, aumentando por tanto a comodidade dos usuarios durante o xogo. O terceiro obxectivo é aumentar a eficiencia enerxética, para o que será cambiado o sistema de iluminación existente por novos proxectores LED aptos para exteriores.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito, acudiron ata o complexo deportivo para supervisar o inicio da execución dos traballos.

A outra intervención prevista terá por finalidade a conservación e mantemento do pavillón municipal do mesmo complexo deportivo. Consiste na renovación da cuberta e dos canalóns, incluíndo tamén o pintado dos muros tanto no exterior como no interior do polideportivo.

En total serán investidos 80.000 euros, dos cales 55.000 euros achegaranse polo Concello con fondos propios municipais e os outros 25.000 serán financiados pola Secretaría Xeral Para o Deporte da Xunta de Galicia.