- A empresa Vázquez y Reino acometerá a reurbanización da rúa Bos Aires e o acondicionamento de camiños en Rus e Sofán
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou este martes dous contratos coa empresa Vázquez y Reino para levar a cabo varias obras nas redes viarias. Por unha banda, un deses proxectos é a reurbanización da rúa Bos Aires, que conta cun orzamento de 280.775,27 euros e un prazo de execución de catro meses. Por outra, tamén se acondicionarán as pistas forestais nas parroquias de Rus e Sofán, un proxecto que conta cun prazo de execución de tres meses e que suporá un investimento de 78.892 euros. Ademais de Evencio Ferrero, na sinatura estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.
O obxectivo da actuación na rúa Bos Aires é a mellora integral da vía, polo que o proxecto da arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís prevé a substitución das redes de abastecemento de auga e saneamento, a instalación de rede de augas pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía, aos que se sumarán os de cable e gas.
En canto ao tratamento en superficie, a rúa Bos Aires está proxectada en plataforma única, cun único carril de circulación en formigón e beirarrúas de baldosa granítica.