En marcha as obras do skatepark da Laracha

1 minutes read
  • O Concello inviste neste proxecto 155.000 euros procedentes de fondos municipais

Este mércores o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, desprazáronse ata a parte posterior do IES Agra de Leborís para comprobar o inicio das obras da construción do skatepark, un parque de patinaxe no que o Concello investirá 155.000 euros procedentes de fondos municipais.

Este ambicioso e novidoso proxecto promóvese coa finalidade de ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil.

O skatepark disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas e contará cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED, polo que o proxecto contempla as correspondentes canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga de choiva na pista.