Nesta fase inicial do desenvolvemento das obras, os traballos céntranse no acceso ao paseo marítimo desde o punto de confluencia das rúas do Carme e Campo da Insua, nunha zona situada moi próxima ao colexio e ao cemiterio. A rampla que existía nese lugar está a ser reconstruída para, na medida das posibilidades que presenta o terreo, establecer un novo deseño que reduza a súa pendente. O ámbito será embelecido cun pavimento de adoquín e tamén será colocada unha barandilla de seguridade. A previsión é que esta actuación estea rematada a finais da próxima semana.
A segunda fase das obras realizarase en datas posteriores e afectará á Avenida Méndez Núñez, a vía que comunica a Praza Eduardo Vila Fano coa Insua a través do porto. Nesta estrada realizarase o fresado e a nova pavimentación da calzada para mellorar a superficie de rodadura. Tamén se contempla o repintado tanto das marcas viarias como dos aparcamentos públicos e gratuítos de vehículos. Ademais, mellorarase a rede de recollida de pluviais fronte ás casetas dos mariñeiros.
Este proxecto está valorado en máis de 63.000 euros e é financiado integramente con fondos propios municipais.
41