En marcha as obras para transformar a parada de taxis da Praza do Concello na Laracha

1 minutes read
  • A actuación, valorada en 30.000 euros, será financiada integramente con fondos municipais

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o concelleiro Jesús Souto, reuníronse este mércores cun representante da empresa que está executando as obras de transformación na parada de taxis ao carón da Praza do Concello, na Avenida de Caión. Esta actuación, deseñada polo Concello, conta cun orzamento de case 30.000 euros e será financiada integramente con fondos propios municipais.

As intervencións, que se iniciaron hai uns días, teñen por finalidade mellorar a accesibilidade e adecuar ese espazo en beneficio tanto dos peóns como dos condutores e, por suposto, dos profesionais do sector do taxi e os seus clientes.

O proxecto contempla recolocar as prazas da parada de taxis, que na actualidade están en diagonal, para realizar o estacionamento en liña, gañando así espazo para ampliar a beirarrúa ata o dobre da anchura actual e aumentar a zona de separación entre o propio estacionamento e o ámbito de circulación. Tamén se creará unha nova marquesiña xunto á parada en substitución das cabinas telefónicas.