O proxecto contempla a completa remodelación do inmoble situado na Avenida Doutor López Astray da capital municipal e que consta de cinco andares (planta soto, baixa e tres alturas). Os espazos van ser redistribuídos para optimizalos, incrementando as superficies e favorecendo a accesibilidade de persoas que presenten dificultades físicas ou cognitivas.
Gran parte do investimento irá dirixido a medidas relacionadas coa eficiencia enerxética, tales como a renovación da envolvente e dos sistemas de calefacción e ventilación. O Edificio Interxeracional tamén será dotado cun sistema de captación de enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo eléctrico.
Entre os futuros equipamentos da nova infraestrutura municipal destaca a creación de aulas dixitais nas que ofrecer á cidadanía oportunidades formativas e de ocio, así como espazos dirixidos a acoller actividades xuvenís de diversa índole.
Durante o desenvolvemento das obras foi necesario trasladar o servizo de atención temperá a outra instalación próxima na mesma Avenida López Astray. Ademais, como medidas de seguridade ante o inicio dos traballos de desescombro e a próxima instalación da andamiaxe, desde este martes quedaron inutilizadas temporalmente as prazas de aparcamento de vehículos marcadas xunto ao edificio, estando previsto trasladar a un lugar próximo a praza de estacionamento para vehículos de persoas con mobilidade reducida, que será debidamente sinalizada. Mentres se executen as obras tamén queda inutilizada a fonte e limitado o acceso ao lavadoiro existente no baixo do inmoble. O Concello lamenta as molestias que estas circunstancias poidan causar á cidadanía, ao mesmo tempo que lembra a necesidade de tomar ditas medidas para realizar as obras con garantía de seguridade para todos.
A execución do proxecto, a cargo de Ogmios Proyecto S.L., suporá un investimento superior aos 981.000 euros que financiará o Instituto para la Transición Justa ao abeiro da convocatoria de axudas dirixidas a proxectos e infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a financiar cos fondos europeos Next Generation.