Este Nadal xogamos para ser iguais, unha iniciativa que trata de fomentar a educación en igualdade a través do xogo, ao tempo que afonda na promoción do xoguete non sexista, potencia a creatividade infantil, crea conciencia sobre a reutilización e a reciclaxe, apoia a conciliación e convértese nun elemento de dinamización do mercado municipal de abastos e do comercio local.
Ata o 30 de decembro, desenvolveranse un total de 10 obradoiros na planta baixa do mercado, no corredor paralelo ao xardín municipal. Cada taller terá unha duración de hora e media, para facilitar ás familias a realización das súas compras mentres os nenos e as nenas participan nas actividades.
Coa finalidade de lograr o maior aproveitamento posible, haberá 15 prazas por taller, e cada un deles irá dirixido a nenos e nenas dunhas idades concretas. Segundo informa a Concellaría de Igualdade, as prazas cubriranse por orde de inscrición.