O censo posto en marcha inclúe os primeiros 23 barcos no rexistro de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, unha base de datos integrada no Censo de Patrimonio Cultural e que forma parte das medidas de salvagarda postas en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para garantir o legado das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira que se recollen na declaración de Ben de Interese Cultural aprobada en 2019.
As primeiras resolucións foron publicadas este martes no Diario Oficial de Galicia, que nos próximos días continuará oficializando as restantes, tras obter a autorización do órgano de xestión impulsado polo Goberno galego, co obxectivo de informar sobre a pertinencia da incorporación de embarcacións ao devandito censo, así como propoñer o recoñecemento de mestres carpinteiros.
Este órgano encargado de avaliar cada unha das solicitudes está constituído por representantes da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari, en representación dos portadores e mestres carpinteiros), da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e da Federación Galega de Confrarías –estas dúas últimas en representación dos usuarios–, así como por un experto independente e outro de Portos de Galicia.
Trátase dunha ferramenta de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial que representa ás comunidades portadoras dos seus valores culturais, e non ten un carácter administrativo nin dependente da Xunta de Galicia.