En marcha o Foro estratéxico Talentia Summit 2021, para “reter o talento en Galicia”


A ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, inaugurou este xoves en Santiago de Compostela o Talentia Summit 2021, que se celebrará ata o 26 de novembro, combinará co formato presencial e virtual co obxectivo de “ofrecer todas as oportunidades laborais posibles, vinculado ao emprendemento e á innovación”. A feira de emprego incluirá cursos en liña e webinars, certificacións en liña e pavillóns de empresas, entre outras actividades, segundo explicaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o técnico de emprego do municipio, Xabier Ferreiro, en rolda de prensa. Durante a inauguración do Foro estratéxico Talentia Summit 2021, xunto á ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, tamén estivo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen lembrou que a Comunidade conta cun novo mapa de titulacións, decisivo para que o Sistema Universitario Galego responda aos retos do futuro; ademais de reformar a oferta formativa para o 2022-2026. Deste xeito implantaranse 15 novos másteres adecuados aos perfís de futuro en catro áreas clave que abarcan case todo o PIB galego, como son: as ciencias, cun máster en Economía Circular, Xestión Sostible e Tecnoloxía Téxtil; as ciencias da saúde, cun novo máster en Cronicidade e Modelos de Atención Sociosanitaria e E-Saúde; as ciencias sociais e xurídicas, cun máster en Comportamento do Consumidor, Transformación Dixital e Innovación Educativa; e a enxeñaría e a arquitectura, cun máster de Realidade Estendida, Vehículos Autónomos e o Internet das cousas.