O Concello de Carballo dálle un novo impulso á transformación, accesibilidade e seguridade do espazo público urbano co inicio das obras de reurbanización integral da rúa Compostela e do plan anual de mantemento e bacheo de vías.
Este martes quedou pechado ao tráfico o treito da rúa Compostela comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo, no que se vai acometer un proxecto que busca crear un espazo público máis amable, accesible e sostible. As obras están financiadas pola Deputación da Coruña cun orzamento de 211.266,61 euros.
Como consecuencia do corte da vía, e co obxectivo de garantir a fluidez do tráfico e evitar retencións, deseñouse o seguinte plan de mobilidade:
- Desvíos de tráfico: habilitáronse itinerarios alternativos polas rúas Emilio González López, a zona do Fórum e Xosé María Castroviejo.
- Tráfico pesado: a rúa Xosé María Castroviejo funciona en dirección única desde a rúa Compostela cara á rúa Verdillo para evitar atascos, ao tratarse dunha vía de alta frecuencia para camións.
- Transporte público: a parada de autobús da rúa Compostela queda situada provisionalmente xunto á capela da Milagrosa.
Os traballos, adxudicados á empresa Canarga cun prazo de execución de seis meses, inclúen melloras de accesibilidade, coa ampliación e renovación das beirarrúas e a adaptación de pasos de peóns; humanización con novas zonas verdes, mobiliario urbano, árbores, e renovación integral dos servizos urbanos.