En marcha o IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo

1 minutes read
  • O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, realizou o «saque de honra».

O IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo arrincou este mércores e continuará ata o día 8 na planta alta do Mercado Municipal. Finalmente participarán 52 axedrecistas de todas as idades e das máis variadas procedencias. Entre os/as participantes figuran un xogador de Paraguai, outro de Alemaña, outro de Portugal e tres de India, entre eles Gukesh D, campión mundial sub14 e terceiro Gran Mestre máis novo da historia con 12 anos, 7 meses e 17 días, e que ademais ofrecerá unha exhibición de partidas simultáneas fronte a 20 opoñentes o sábado día 4 na Praza do Concello.

O IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo, valedoiro para ELO internacional e nacional, dispútase polo formato suízo a 9 roldas (unha diaria), un sistema ata o de agora inédito en Carballo, reservado a torneos en cidades coma Pontevedra, Ourense e Ferrol e a localidades con gran tradición en torneos de xadrez coma Mondariz, Sanxenxo ou Cambados.

O club local O Toque Xiria, anfitrión do torneo, aspira a consolidarse como un referente do xadrez galego tanto en organización de eventos coma dende o punto de vista deportivo, celebrando o ascenso do club á máxima división galega de xadrez en 2020 e na que competirá en 2021 e 2022.