En marcha o novo programa de estadías lingüísticas ‘Spring Week’ con 1.575 prazas

1 minutes read

A Xunta de Galicia convocou o novo programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17 de xuño de 2023. A iniciativa vai dirixida a centros docentes públicos, nos que se impartan ensinanzas de 6º curso de Educación Primaria ou de ESO e poderán participar un total de 1.575 alumnos.

O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.

Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima…), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de outubro, incluído. Os centros interesados poderán realizar os trámites a través da aplicación informática habilitada para tal fin.