O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron na constitución do Observatorio da eólica mariña, un novo instrumento que será un punto de encontro onde identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas. Neste sentido, a Xunta defende a unidade e o consenso e, por iso, cada paso que se dea no desenvolvemento deste sector será sometido ao acordo de todas as partes implicadas. O Observatorio está formado por representantes da Xunta (membros da Vicepresidencia segunda e das Consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda); da industria -Asime- e do sector pesqueiro –tanto das confrarías como do Consello Galego de Pesca–.
Conde incidiu en que, aínda que Galicia conta con experiencia e capacidade instalada e o marco nacional e europeo neste contexto de transición ecolóxica convidan a afondar no desenvolvemento do sector, é o Estado ao que lle corresponde tramitar e autorizar estas instalacións.
Galicia, pola súa banda, está preparada para iniciar este camiño, sempre desde a unidade, aproveitando tamén o contexto dos fondos europeos e tratando de impulsar un Hub de eólica offshore, tal e como recolle o Pacto de Estado por Ferrol.