En marcha o primeiro Campionato galego de surf adaptado


A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiron na praia de Patos, en Nigrán, ao primeiro Campionato galego de surf adaptado, que comeza hoxe e que se celebrará ata o domingo. Alí, puxeron en valor a vontade inclusiva do torneo no que participan medio cento de deportistas con discapacidade.

Fabiola García felicitou a Quenlla Surf Clube pola organización deste evento e recordou a necesaria implicación de todo tecido social para conseguir unha integración real das persoas con discapacidade. Deste xeito, subliñou o apoio da Xunta ás entidades que a diario traballan neste eido, por ser un aliado fundamental para conseguir a igualdade de oportunidades para todas as persoas.

Ademais, a conselleira de Política Social asegurou que é unha honra para o Goberno galego acoller esta competición no entorno da Residencia de Tempo Libre de Panxón, na que nos últimos cinco anos se investiron medio millón de euros en actuacións para renovalo. De feito, véñense de licitar por máis de 270.000 euros as obras de substitución da cuberta.