En marcha o procedemento de adxudicación da obra da rúa dos Concheiros

1 minutes read
  • A obra ten un tipo de licitación de 2.651.608,87 euros e o rexedor de Santiago sinala que polo menos terá unha duración de 9 meses

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou o gasto e a apertura do procedemento de adxudicación de remodelación da rúa dos Concheiros, unha operación incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado- EDUSI. A obra ten un tipo de licitación de 2.651.608,87 euros.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que este expediente solaparase coa tramitación dos orzamentos, polo que confía que, unha vez aprobados estes a principios de abril, se poida adxudicar a obra a finais de abril ou principios de maio, e iniciar a obra en maio-xuño. “Non creo que teñamos a obra rematada antes de nove meses, pero ogallá poida estar para a Semana Santa de 2021”, apuntou o rexedor.

Na Xunta de Goberno tamén se tomou en coñecemento unha sentenza favorable ao Concello relativa á imposición dunha sanción de 90.000 euros á discoteca Apolo por infracción moi grave, por exceder o aforo (953 persoas contabilizadas pola Policía Local nun aforo permitido de 250) e por outros elementos xustificativos (por exemplo, unha das portas de emerxencia atrancada).

Ademas, tamén se acordou a prórroga ao ano 2020 do contrato de autorización de ocupación da vía pública na Alameda para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo, por importe de 99.627,80 euros.