Dentro da programación de prevención no ámbito educativo, a asociación Vieiro deu comezo ao programa de habilidades socioemocionais: “Somos hábiles” co alumnado de educación secundaria de Carballo.
Este programa está destinado a adolescentes con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos que cursan ensino secundario, mozos que se atopan en pleno proceso de desenvolvemento físico e emocional e que empezan a tomar decisións que marcarán o resto da súa vida. O desenvolvemento deste tipo de habilidades considérase unha estratexia para previr condutas de risco, reducir a violencia escolar, e adestrar aos mozos para que tomen decisións de maneira acertada e responsable.
Este programa consiste na realización de talleres de aprendizaxe teóricos-prácticos co obxectivo de aprender ou modificar as habilidades socioemocionais do alumnado a través da instrución teórica de conceptos clave e a posta en práctica, tanto na aula, como na vida real do aprendido.
Os obxectivos que persegue “Somos hábiles” son:
Adquirir un maior coñecemento das propias emocións
Fomentar a capacidade de comprender e regular as propias emocións
Desenvolver o propio autoconcepto e unha autoimaxe positiva
Potenciar actitudes de respecto e aceptación sobre a propia singularidade e a dos/as demais
Desenvolver competencias para a resolución positiva de conflitosAlgunhas das sesións que se abordan neste programa entre outras, son autoestima e autoconcepto, xestión de emocións, intelixencia emocional, empatía, estilos de resposta; pasividade, agresividade ou asertividade, resolución de conflitos, comunicación, falar e escoitar, autoafirmación, como defenderse, expresar queixas, pedir favores.
As profesionais encargadas de levar a cabo este programa son as psicólogas: Lara Periscal Taibo e Fany Gesto Mallo.
A asociación Vieiro, agradece a excelente disposición dos centros educativos, así como todas as facilidades dadas polos equipos directivos e claustros de profesores/as para poder levar a cabo este programa.