A Asociación Vieiro dentro da súa programación para o ámbito escolar puxo en marcha o pasado luns 3 de Febreiro no CEIP Bergantiños de Carballo o programa “Na Horta cos meus amigos/as”, dirixido a nenos e nenas de 3º e 4º de Educación Primaria e impartido pola psicóloga Patricia Rodríguez Villar. O programa está composto por 8 sesións de 55 minutos cos seus respectivos contos, todos eles protagonizados por hortalizas e que relatan situacións persoais que requiren unha solución e que son similares ás que viven os nenos nesta etapa evolutiva.
A través destes contos trabállanse de forma lúdica diferentes temas: os medos, as burlas, os prexuízos e a discriminación, as mentiras, as trampas, os celos, os castigos inxustos, as diferenzas físicas e culturais, a presión de grupo, a resolución de problemas e a identificación de emocións, entre outros. Para a lectura dos contos, e co fin de favorecer o seguimento dos mesmos, utilízanse unha serie de presentacións animadas, para unha vez lida a historia dar paso a unha serie de actividades e dinámicas proposta para cada curso.
O programa parte de dúas premisas fundamentais: As nenas e os nenos que aprenden a pensar por si mesmos e a actuar de maneira independente teñen máis probabilidades de resistir a presión de grupo na adolescencia e aqueles/as que aprenden a estimarse, coñecerse e a ter boas relacións sociais teñen menos probabilidades de establecer condutas de risco. O seu principal obxectivo é contribuír á maduración psicoafectiva, á adquisición de hábitos de saúde e benestar e ao comezo dun traballo preventivo sobre condutas de risco en etapas máis temperás.
Un aspecto fundamental do programa é a identificación de emocións, coñecendo os sentimentos máis comúns experimentados polos nenos/as de 8 e 9 anos. Trátase de conseguir que aprendan a expresar correctamente as súas emocións, de que falen do que senten, e a partir de aí comprender que eses sentimentos son compartidos polos seus compañeiros/as e que existen diferentes formas de reaccionar antes eles.
Con esta iniciativa trátase de potenciar os factores de protección: autoestima, responsabilidade, autonomía, afrontamento, aceptación de diferenzas, regulación de emocións, etc., e de anular/reducir os factores de risco co fin de que estean preparados/as, protexidos/as e en condicións de rexeitar a oferta de consumo de substancias, á que probablemente se verán expostos/as na adolescencia. En primaria, este tipo de condutas, en xeral non adoitan detectarse. Pero nesta época vanse configurando determinados trazos e comportamentos que conformarán o estilo de vida que os/as nenos/as terán despois e que poden determinar que este sexa saudable e, por tanto protector, ou pola contra, que non sexa saudable e, en consecuencia, incremente a vulnerabilidade ás condutas de risco.
Este programa é totalmente gratuíto e está subvencionado polo Servizo de prevención de Condutas Adictivas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.