En marcha os estudos xeotécnicos dos terreos do Novo CHUAC


Estes traballos forman parte das actuacións previas que se están a realizar no marco do contrato para a redacción dos proxectos técnicos e dirección das obras do novo complexo hospitalario, que foi adxudicado á UTE Pinearq–Vázquez Muíño–Monteoliva, por un importe de preto de 6 M€. Recentemente desenvolvéronse xa as medicións topográficas.

Estes estudos xeotécnicos, que se iniciaron onte, consisten en realizar ensaios in situ na contorna do complexo hospitalario para recoñecer os materiais que conforman o subsolo da zona, a súa distribución espacial e determinar a posible situación de niveis piezométricos.

Os datos obtidos no transcurso destes estudos xeotécnicos empregaranse para a comprobación da capacidade portante do terreo, da profundidade da escavación e da estabilidade dos noiros, necesarios para o sistema viario e accesos ao novo Complexo Hospitalario da Coruña.

Para estes estudos sobre os terreos do ‘Novo CHUAC’, realízanse en total tres sondaxes dunha profundidade de ata 12 metros, 10 ensaios de penetración dinámica e catro calicatas para a obtención de mostras de materiais. Posteriormente, este estudo completarase cos ensaios de laboratorio e o posterior traballo de análise técnico.