En marcha os obradoiros de carpintaría e cociña no Fórum Carballo

1 minutes read
  • Este martes tivo lugar a última proba de acceso á Escola Municipal de Hostalaría, que encara o seu segundo ano académico

O Fórum Carballo volve a encherse de alumnos de distintos obradoiros. Este martes, mentres o alcalde, Evencio Ferrero, asinaba no auditorio os contratos dos 12 alumnos-traballadores do obradoiro de carpintaría, nas instalacións da Escola Municipal de Hostalaría celebrábase a terceira e última proba de acceso ao segundo curso de cociña organizado directamente polo Concello. Serán as primeiras accións formativas en marcha, pero ao longo do curso 2019-2020 haberá máis.

Ferrero desexou aos alumnos do obradoiro, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Economía, que saquen o maior proveito dos seis meses de formación teórico-práctica que teñen por diante. Ademais, ao remate recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

En canto á terceira e última proba de acceso, esta consistía en elaborar un prato con lombo de porco nunha hora e media. Mañá mércores faranse públicas as notas, e as 5 persoas que non consigan praza quedarán en lista de agarda por se se produce algunha baixa. En total poderán participar no curso de cociña 15 alumnos.

A Escola de Hostalaría será xestionada por segundo ano pola empresa Garfio de Barizo S. L e o Concello de Carballo investirá este curso preto de 100.000 euros para ofrecer a mellor formación.

O curso terá unha duración total de 1.135 horas, comezará en outubro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas.