En marcha os traballos de limpeza e desbroce en espazos públicos da Laracha


As brigadas medioambientais que están ao servizo do Concello da Laracha desenvolven unha intensa actividade en diferentes localizacións do termo municipal e con intervencións de moi diversas características para mellorar espazos públicos e infraestruturas municipais.

Parte dos traballos que realizan céntranse na limpeza e desbroce de espazos públicos que non están incluídos nos contratos ordinarios, tales como as sendas peonís de acceso ao parque empresarial -onde recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito- ou as situadas ao longo da estrada AC-552 entre Paiosaco e O Cancelo, e tamén en zonas de núcleos de poboación que requiren de intervencións desas características.

Outro tipo de actuacións que están a desenvolver estas brigadas céntranse na conservación de espazos de riqueza natural, sendo os traballos de maior entidade os que se realizan nas ribeiras dos ríos e en áreas verdes como a situada nas inmediacións do parque empresarial.

Estes equipos tamén realizan traballos de carpintería, pintura e mesmo albanelería para a mellora de equipamentos e infraestruturas públicas, sendo por tanto labores de interese xeral para a cidadanía larachesa.

As cuadrillas están compostas actualmente por un total de once persoas contratadas en colaboración coa Deputación da Coruña no marco do programa PEL-Concellos Reactiva. En próximas datas, unha vez conclúa o procedemento de selección do persoal, está previsto incorporar outros tres efectivos máis grazas ao programa Aprol impulsado pola Consellería de Emprego e Igualdade co obxecto de fomentar o emprego no medio rural.