En marcha os traballos de saneamento en Outeiro de Braño, Vimianzo

1 minutes read
  • Son intervencións con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña

Esta semana o Concello de Vimianzo deu comezo aos traballos de mellora na rede de saneamento na zona de Outeiro de Braño de Carantoña, financiados con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial da Coruña. Investiranse 40.535 euros nun lugar onde actualmente non existe ningún tipo de rede pública de saneamento de augas residuais.

Debido á topografía do lugar, instalarase unha estación de depuración no medio do percorrido, executando dous tramos con pendentes cara esa depuradora, preto do río de Carantoña. O obxectivo é «a evacuación, transporte, recollida, concentración e depuración dos verquidos de augas residuais que se xeneran no núcleo de Braño, e a eliminación de pozos e fosas sépticas que actualmente recollen ditas augas nas parecelas privadas», sinalan desde o executivo.

Por outra banda, tamén se mellorará a pista final do núcleo así como un pequeno tramo no interior do mesmo, actualmente en mal estado.