A Unión Europea define como enfermidade rara, minoritaria ou pouco frecuente aquela que, con perigo de morte ou invalidez crónica, ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes. Estímase que existen entre 6.000 e 8.000 enfermidades raras diferentes, que afectan entre un 5 e un 7 % da poboación. Isto supón que en Galicia habería arredor de 200.000 persoas afectadas.
Por elo acábanse de poñer en marcha tres unidades funcionais multidisciplinares enmarcadas na Estratexia Galega en Enfermidades Raras. Sitúanse en Vigo, A Coruña e Santiago e contan con equipos formados por un especialista en medicina interna, un especialista en pediatría e un profesional de enfermería. Así o indicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no transcurso dun acto con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras.
As unidades son dispositivos asistenciais encargados das actividades que comprenden o diagnóstico e seguimento dos pacientes con enfermidades pouco frecuentes. Encádranse na Estratexia Galega en Enfermidades Raras, froito do labor dun grupo de traballo formado por profesionais e pacientes. A Estratexia foi aprobada polo goberno galego no 2021 e o seu obxectivo é, segundo explicou o conselleiro de Sanidade, “establecer un novo modelo asistencial, que garanta un prazo de diagnóstico máis reducido, unha menor variabilidade no manexo do paciente e unha xestión máis áxil, coordinada e eficaz”.