En marcha un ano máis o programa escolar de Vieiro ‘Na horta cos meus amigos/as’

Cedida.

O programa escolar “Na Horta cos meus amigos/as” púxose en marcha un ano máis pola Asociación Vieiro nos centros de educación primaria de Carballo, dirixido a nenos e nenas de 3º e 4º curso.

O obxectivo deste programa é contribuír á maduración psicoafectiva, á adquisición de hábitos de saúde e benestar e ao comezo dun traballo preventivo sobre condutas de risco en etapas máis temperás.

O programa que é impartido por psicólogas, pedagoga e educadora social de Vieiro, está composto por 8 sesións de 55 minutos cos seus respectivos contos protagonizados por hortalizas que relatan situacións persoais que requiren unha solución e que son similares ás que viven os/as nenos/as nesta etapa evolutiva.

Nestes contos trabállanse diferentes temas: os medos, as burlas, os prexuízos e a discriminación, as mentiras, as trampas, os celos, os castigos inxustos, as diferenzas físicas e culturais, a presión de grupo, a resolución de problemas e a identificación de emocións, entre outros.

Trátase de conseguir co programa “Na Horta cos meus amigos/as”, que os nenos/as aprendan a expresar correctamente as súas emocións, de que falen do que senten, e a partir de aí comprender que eses sentimentos son compartidos polos seus compañeiros/as e que existen diferentes formas de reaccionar ante eles.

A Asociación Vieiro agradece a excelente disposición dos centros educativos, así como todas as facilidades dadas polos equipos directivos e claustro de profesores/as para poder levar a cabo este programa.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha