En marcha un novo programa de detección da Hepatite C na área sanitaria da Coruña e Cee

2 minutes read

A Área Sanitaria da Coruña e Cee comenzou a ofrecer a detección de Hepatite C ás persoas de 50 e 59 anos que acudan ao seu centro de saúde e teñan indicada a realización dunha analítica por calquera outro motivo.

O obxectivo deste programa de cribado poboacional oportunista é detectar casos de infección descoñecida pola Hepatite C nun dos grupos de idade onde a prevalencia é maior.

Coa coordinación da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Servizo Galego de Saúde, esta actuación comenzou a pilotarse en xaneiro nos centros de atención primaria da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. Nesta área, xa se realizaron máis de 3.500 determinacións que permitiron a detección de catro casos de Hepatite C.

Para o seu desenvolvemento empréganse actuacións innovadoras e facilitadoras que simplifican e fan que todo o proceso sexa moito máis eficiente, como a integración automática da petición da proba para as persoas que cumpran os criterios, ou a análise mediante a agrupación de mostras de cen en cen, tamén coñecida como pooling. Os casos positivos derívanse con celeridade para a súa atención e tratamento nun máximo de 21 días.

De maneira progresiva estenderase ao ámbito hospitalario e ao resto de áreas sanitarias, nas próximas semanas, sendo a Área Sanitaria da Coruña e Cee a segunda que se suma a este programa.

De igual xeito, iranse ampliando os grupos de idade nos próximos anos 2024 (persoas de 60 a 69 anos) e 2025 (persoas de 40 a 49 anos) para cubrir as idades onde hai unha maior prevalencia da enfermidade segundo os estudos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?