En marcha un plan de inspección de seguridade industrial


A Xunta de Galicia acaba de iniciar o Plan de Inspección de Seguridade Industrial 2021 no que se enmarcan máis de 1500 controis. O obxectivo é comprobar a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dos regulamentos de seguridade e normativas que lles sexan aplicables.

O Plan, estará composto por catro programas de inspección: instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial; empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial; accidentes graves; e vixilancia de mercado.

Con máis de 1200 inspeccións previstas, o primeiro programa é o que engloba a maior parte dos controis, que se levarán a cabo, entre outros sectores, en instalacións eléctricas de baixa tensión e en instalacións térmicas en edificios (caldeiras de gasóleo), centros de transformación de particulares, construcións de almacenamento de produtos químicos, instalacións de seguridade contra incendios en establecementos industriais e ascensores. Un total de 200 inspeccións deste programa e do correspondente ao sector de accidentes graves levaranse a cabo de maneira presencial.
No caso das empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial
–segundo programa– levaranse a cabo 200 inspeccións e no plan de vixilancia do mercado un centenar.
As xefaturas territoriais da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación farán a selección dos establecementos, instalacións e actividades que sexan obxecto de inspección e dito Plan estará vixente ata o 31 de marzo de 2022.