En marcha un programa para mellorar as oportunidades laborais das mulleres no rural


A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de estrear o novo programa de capacitación co que a Xunta pretende formar en capacidades dixitais e incrementar as oportunidades laborais dunhas 10.000 mulleres, preferente a desempregadas e a residentes en núcleos con menos de 30.000 habitantes. O Goberno galego está a promover unha oferta formativa de máis de 600 accións en cerca de sesenta municipios galegos.

O novo programa, no que se están a investir 5,2 millóns de euros, financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, está tamén centrado na formación para o emprendemento e dirixido, con prioridade, a mulleres desempregadas e con residencia en contornas rurais, en concreto en municipios con menos de 30.000 habitantes. As mulleres traballadoras ocupadas tamén poderán acceder a esta cualificación, sempre que estean inscritas como demandantes dunha mellora de emprego e as prazas non se cubran coas primeiras.

A Xunta prevé que un total de 10.034 mulleres poidan ver melloradas as súas competencias dixitais e para o emprendemento coa seguinte distribución por provincias: 4.014 na Coruña, 903 en Lugo, 1.103 en Ourense e 4.014 en Pontevedra.

O obxectivo último da iniciativa consiste en mellorar a cualificación das persoas participantes no programa, ofrecer maiores oportunidades de inserción ás mulleres das contornas rurais e favorecer o seu emprendemento, sen que a fenda dixital supoña limitación algunha.

As accións formativas distribuiranse nun total de 45 horas en modalidade presencial ou aula virtual, a través do Campus de Formación para o Emprego do Goberno galego. Incluirán módulos de competencias dixitais básicas e avanzadas, e dirixidas especialmente ao emprendemento; así como 5 horas de formación transversal en materia de igualdade.

As participantes na iniciativa realizarán un itinerario formativo deseñado para avanzar desde un nivel básico de competencias dixitais ata un grao avanzado que ademais permitirá ás mulleres iniciarse, se así o desexan, en competencias dixitais para o emprendemento.

A formación impartirase por expertos docentes e, ao seu remate, as alumnas recibirán un título oficial acreditativo emitido pola Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación. Co obxectivo, ademais, de facer posible o uso das novas tecnoloxías, as participantes, tras a formación, recibirán un equipo portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido.

As persoas interesadas en participar poden informarse da iniciativa no portal de emprego da Xunta, onde tamén se traimitan as inscricións.