A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o programa piloto Adestra a túa saúde nos servizos de atención primaria dos concellos de Arteixo e Abegondo. A Consellería de Sanidade e a Secretaría xeral para o Deporte promoven de forma conxunta este plan para a prescrición de exercicio físico desde o ámbito sanitario e o seu seguimento desde o eido comunitario.
Dirixido, principalmente, ás persoas maiores de 60 anos, sas ou con factores de risco cardiovascular –padecer diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo-, Adestra a túa saúde pretende mellorar a calidade de vida e afondar na prevención da fraxilidade destas persoas, a través da práctica de exercicio.
Este programa alíñase coa Estratexia de promoción da saúde e prevención do Sistema Nacional de Saúde, o plan galego de atención primaria e a Estratexia galega para a atención para a atención a persoas en situación de cronicidade.