En marcha un proxecto para converter aceite de cociña usado en biocombustible

A Xunta de Galicia e a empresa Repsol colaboran na posta en marcha dun proxecto pioneiro na Comunidade para a recollida de aceite de cociña usado de orixe doméstica en estacións de servizo e a súa posterior transformación en biocombustible.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Transformación Industrial de Repsol, Juan Abascal, visitaron unha das preto de 180 gasolineiras que xa se adheriron a esta iniciativa en Galicia, e avanzaron a intención de incrementar ese número en vindeiras datas para contar “cunha rede o máis ampla posible para dar un bo servizo aos cidadáns”.

Logo de lembrar que a partir do 1 de xaneiro de 2025 os concellos estarán obrigados por lei a recoller de forma separada o aceite usado de orixe doméstica, Ángeles Vázquez explicou que grazas a este proxecto se lles facilitará aos cidadáns o depósito e xestión dun residuo moi habitual e presente en todos os fogares, ademais de garantir que reciba un tratamento axeitado e se poida transformar nun novo produto, dándolle unha nova vida e evitando que acabe contaminando solos e augas.

De feito, Repsol encargarase de recoller todo o aceite que se deposite nos puntos habilitados a tal fin nas estacións participantes para transformalo en combustible renovado, reducindo así as emisións de CO2 en torno a un 90% con respecto á alternativa fósil.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha