En marcha unha iniciativa para fomentar o consumo de auga da billa en Carballo

Foto_Cedida.

O Concello, coa colaboración de Gestagua, vai levar a cabo unha campaña de promoción do seu consumo en todos os ámbitos. Este venres tivo lugar a súa presentación na histórica fonte da Praza de Galicia, na que participaron representantes municipais e da empresa concesionaria. Benigno López, xefe de servizo de Gestagua en Carballo, apuntou que “Queremos dicirlle á xente que confíe na Auga de Carballo, porque está perfectamente controlada dende o punto de vista sanitario e probablemente é unha das mellores augas que hai na zona”. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fiel consumidor de auga da billa, indicou que “se seguimos mellorando certos aspectos como o olor e o sabor, estupendo; pero, en calquera caso, sempre foi unha auga de moita calidade”.

Para dar exemplo, nas vindeiras semanas realizarase a instalación de fontes de auga da billa nos edificios públicos e repartiranse botellas de vidro ao persoal municipal, contribuíndo así paralelamente a reducir o uso do plástico.