En marcha unha nova campaña de control da zona azul en Carballo

1 minutes read
  • A Policía Local dispón dunha nova aplicación informática habilitada pola Deputación da Coruña, e as multas son tramitadas directamente.

Aparcar na zona azul é de balde, pero a súa utilización implica unha serie de condicións, entre elas superar os 90 minutos de estacionamento na mesma praza, xa que o obxectivo é garantir a rotación de vehículos nas zonas comerciais e de servizos. Para evitar os reiterados incumprimentos por parte dalgúns/has condutores/as, a Policía Local vén de poñer en marcha unha campaña de control da zona azul, do mesmo xeito que ao longo do ano reforza a vixilancia sobre as zonas de carga e descarga ou do uso do cinto de seguridade nos vehículos. Nos tres primeiros meses do ano tramitáronse 390 sancións por incumprimentos das normas que rexen a zona azul.

Os principais incumprimentos na zona azul (non colocar o disco de control á vista, superar o tempo máximo autorizado, anotar a hora de chegada de xeito non lexible ou nun horario distinto ao real, e cambiar o horario unha vez superados os 90 minutos sen mover o vehículo a máis de 250 metros da praza anterior) están consideradas faltas leves na ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria do Concello de Carballo. A sanción establecida é de 80 euros, que pode verse reducida á metade se é abonada nun prazo de 20 días. O horario da zona azul abrangue de 09.00 a 13.30 de luns a sábado, e tamén polas tardes de 15.30 a 20.00, de luns a venres. Lembra que se precisas un disco de control podes pedilo na Policía Local ou no Museo de Bergantiños.