En Marea inicia o camiño cara ás eleccións xerais co compromiso explícito de traballar para conseguir impulsar unha Galicia de oportunidades, que decida por si mesma e que non deixe ninguén atrás. A formación celebrou este sábado en Santiago de Compostela a súa Convención Electoral. Un encontro no que as candidatas para os comicios do 28 de abril compartiron tempo e espazo con representantes da cidadanía para falar das problemáticas sociais ás que a formación aspira a poñer solución coas 299 medidas urxentes para Galicia do seu programa electoral.
En Marea traballará para conformar unha maioría alternativa en clave democrática nas institucións do estado, pero priorizando as necesidades e os investimentos para Galicia.
Luís Villares falou de emprego e infraestruturas e reivindicou as potencialidades de Galicia. Como a situación privilexiada dos seus portos e a súa capacidade de desenvolvemento económico. “Algo que non está acontecendo pola falta do investimento preciso para conectar eses portos por ferrocarril. Temos dereito a abrir A Coruña ao mar. Á condonación da débeda do seu porto, como aconteceu con Valencia. Á rexeneración da Ría do Burgo. E a unha Ría de Pontevedra libre de Ence”.
Villares foi crítico coas formacións que deixan de lado a Galicia e que carecen dunha axenda galega.